Friday 03 de May de 2024

As Somozas realiza unha recollida solidaria en beneficio das persoas afectadas polo terremoto en Marrocos


• O Concello habilitará, ata o 8 de marzo, unha zona na casa do Concello para que as persoas que o desexen poidan doar alimentos non perecedoiros e material escolar.

• Do 16 ao 23 de marzo varios equipos da comarca, incluído un do municipio somocense, participará nun Raid solidario en Marrocos e levarán o material recollido ata o pais veciño.

Do 16 ao 23 de marzo, varios equipos da comarca, incluído un do municipio somocense, participará no Raid Solidario que pasará por varias poboacións afectadas polo terremoto de Marrocos, acontecido o pasado mes de setembro.

Como axuda, o Concello das Somozas realizará unha recollida solidaria de alimentos non perecedoiros e material escolar en beneficio das persoas afectadas por esta catástrofe natural.

Ata o 8 de marzo, e en horario de 9:00 a 13:00 horas, haberá unha zona habilitada na Casa Consistorial das Somozas para que todas as persoas que o desexen poidan achegarse e realizar as súas doazóns para esta causa solidaria.

O Concello das Somozas convida a participar e colaborar nesta acción solidaria para que o equipo que parte da vila poida levar unha gran cantidade de material e víveres ata as persoas afectadas en Marrocos.

O alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, destacou que “desde As Somozas intentamos sempre colaborar con todo tipo de accións solidarias e consideramos que con esta iniciativa podemos poñer o noso graiño de area para intentar axudar a todas as persoas afectadas por esta terrible catástrofe natural acontecida no país veciño o pasado ano”.